Atrás

España porá en marcha unha liña de axudas ao sector transformador pesqueiro e acuícola dotado 40 millóns de €

Atrás
09/04/2024

España porá en marcha unha liña de axudas ao sector transformador pesqueiro e acuícola dotado 40 millóns de €

O Goberno de España porá en marcha unha nova liña de axudas para o sector transformador pesqueiro e acuícola, tras recibir a autorización, este martes 9 de abril, da Comisión Europea (CE) para a súa posta en marcha. O plan contará cun orzamento de 40 millóns de € en subvencións, con cargo ao PRTR.

A CE comunicou hoxe que a execución deste plan é compatible co mercado interior, de conformidade co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), polo autorízase ao Estado español o réxime de axudas ao sector da transformación dos produtos da pesca e da acuicultura, que quedaran excluídos da normativa comunitaria reguladora dos plans de recuperación.

A CE avala a inclusión deste sector na percepción destas axudas, demandada polos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e Industria e Turismo, e que favorecerá a transformación, sustentabilidade e modernización dos procesos produtivos da industria pesqueira. Na súa comunicación, a Comisión detalla que será o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a autoridade competente para desenvolver a convocatoria e xestionar as axudas.

Esta liña de axudas, que forma parte do PERTE Agroalimentario, ten unha gran relevancia para España e para Galicia. A medida estará aberta a empresas de todos os tamaños, legalmente establecidas e debidamente rexistradas en España, que operen no sector da transformación de produtos da pesca e da acuicultura. O importe total da axuda, por empresa e ano, non poderá superar os 2,5 millóns de €. Serán subvencionables os proxectos de apoio aos investimentos na transformación de produtos da pesca e da acuicultura, cunha intensidade máxima de axuda do 50 % dos custos subvencionables. Os proxectos deberán estar orientados á consecución dos seguintes obxectivos:

  • Contribuír ao aforro enerxético ou á redución do impacto no medio ambiente, incluído o tratamento de residuos.
  • Mellorar as condicións de seguridade, hixiene, saúde e condición de traballo.
  • Apoiar a transformación das capturas de peixe comercial que non poden destinarse para o consumo humano.
  • Refírense á transformación de subprodutos resultantes das principais actividades de transformación.
  • Refírense á transformación dos produtos da acuicultura ecolóxica de acordo cos artigos 7 e 8 do Regulamento (UE) 2018/848.
  • Dar lugar a produtos novos ou mellorados, procesos novos ou mellorados, ou sistemas de xestión e organización novos ou mellorados.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vai iniciar a tramitación da normativa reguladora para poder implementar esta medida de apoio ao sector da transformación de produtos pesqueiros e acuícolas.