Estás en:
Nova convocatoria do Plan Integral de Impulso da Economía Social
Nova convocatoria do Plan Integral de Impulso da Economía Social
O Ministerio de Traballo e Economía Social lanzou a terceira convocatoria do Plan Integral de Impulso da Economía Social, cunha asignación de 39 millóns de € para proxectos que fomenten un sistema produtivo que xere emprego de calidade e beneficios sociais en investigación, inclusión e cohesión social. Estas axudas forman parte do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica (PERTE) da Economía Social e os Coidados, financiado polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) cun total de 2.500 millóns de €. O obxectivo é consolidar e expandir o ecosistema de empresas baseadas na sustentabilidade, equidade e redistribución xusta da riqueza.
Estas axudas, que se outorgan en réxime de concorrencia competitiva, financiarán a execución de proxectos de 5 programas ou categorías:
- #Transforma_ES: Apoio a empresas que necesiten relevo xeracional ou axuda na xestión.
- #Iniciativa_ES: Promoción do emprendemento xuvenil e proxectos innovadores.
- #Impulsa_TEC: Modernización tecnolóxica de empresas de Economía Social, especialmente en zonas rurais.
- #Alianzas_ES: Proxectos en rede que ofrezan novos servizos integrais.
- #Sostenibles_ES: Mellora de condicións medioambientais, sociais e de xénero.
As axudas poderán ser solicitadas por entidades representativas de cooperativas, de sociedades laborais, de empresas de inserción e calquera outras entidades de Economía Social, así como agrupacións das mesmas, que deberán presentar a solicitude con anterioridade ao 12 de febreiro de 2025. As grandes empresas tamén poderán ser beneficiarias desta convocatoria, sempre que colaboren con PYMES cuxa actividade sexa obxecto de axuda e que estas últimas asuman o 30% dos custos do proxecto.
Por medio desta convocatoria financiarase ata o 50% dos custos subvencionables dos proxectos aprobados no caso das PYMES, porcentaxe que será do 15% para os proxectos presentados por grandes empresas. A cuantía mínima da subvención por proxecto non poderá ser inferior a 10.000€ nin superar os 3,5 millóns de €. Por súa parte, a cuantía máxima subvencionable non pode superar os 7,5 millóns de €.
Co importe recibido, as empresas poderán sufragar conceptos tales como custos de persoal, mobilidade, activos materiais e inmateriales, asistencias externas, solucións tecnolóxicas ou investimentos en instalacións, procesos, servizos e produtos dirixidos a incrementar a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a reutilización e a economía circular.