Atrás

Transición Ecolóxica publica a resolución definitiva da segunda convocatoria PERTE de dixitalización do ciclo da auga

Atrás
04/10/2024

Transición Ecolóxica publica a resolución definitiva da segunda convocatoria PERTE de dixitalización do ciclo da auga

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) publicou a resolución definitiva da segunda convocatoria do PERTE para a dixitalización do ciclo da auga, pola que se conceden axudas por un importe total de 300 millóns de € para mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga. Tras a publicación da resolución provisional, recibíronse un total de 29 alegacións. Todas elas foron analizadas e incorporados ao procedemento.

Os proxectos beneficiarios desta segunda convocatoria foron 50, con axudas que oscilan entre os 675 mil aos 10 millóns de € por proxecto e cunha porcentaxe media de financiamento superior ao 80% do orzamento, alcanzando valores de ata o 100%. Entre os beneficiarios hai 5 entidades galegas, que obtiveron un total de 16.247.013 € (o 5,42% do total concedido).

A localización dos proxectos esténdese por todo o territorio nacional e por todas as comunidades autónomas. Ata un total de 1.155 municipios e unha poboación de 13.171.842 habitantes beneficiaranse destas axudas para a dixitalización do ciclo urbano da auga, proxectos que abordan a xestión da auga, tanto en concellos grandes como pequenos do medio rural, con aproximadamente 840 municipios con poboación de menos de 5.000 habitantes.

Como seguintes pasos, nos próximos días publicarase a segunda convocatoria para o uso da auga en regadío por un importe de 100 millóns de €.

Adicionalmente, o MITECO tramita a terceira convocatoria de axudas ao ciclo urbano da auga, financiada tamén mediante transferencias do PRTR, por un importe mínimo de 50 millóns de €, ampliables segundo o crédito dispoñible. O borrador da convocatoria está en consulta pública ata o 16 de outubro e está previsto que o prazo de presentación de proxectos finalice en decembro de 2024.

Posteriormente, porase en marcha a liña de financiamento mediante préstamos do PRTR mediante convenio entre MITECO e ICO , unha liña para a dixitalización dos usos da auga cun investimento previsto de 635 millóns de € para uso urbano e 100 millóns de € para uso industrial.