Que é Next Generation Galicia?

Next Generation Galicia é a canle pola que a Comunidade quere optar aos fondos europeos de recuperación e aproveitar así a oportunidade que supoñen para a transformación económica e social.

A Xunta de Galicia leva meses traballando de xeito conxunto co tecido produtivo, os interlocutores do diálogo social e expertos económicos na identificación e deseño de iniciativas público-privadas con capacidade para transformar e modernizar a economía galega.

A candidatura de Galicia, aberta a novas iniciativas, está composta por propostas aliñadas cos obxectivos da Unión Europea e nas que se teñen en conta as características, recursos e vantaxes competitivas da nosa economía para lograr o maior impacto posible nas cadeas de valor estratéxicas, con especial atención ás pemes e autónomos.

Cales son os seus obxectivos?

Os proxectos incluídos na candidatura Next Generation Galicia buscan impulsar os procesos de transformación e modernización que exixe o momento actual, desenvolvendo un tecido empresarial sustentable e unha economía resiliente.

Son a resposta aos grandes retos aos que se enfronta a economía mundial para impulsar a reactivación e construír as bases dun novo modelo que favoreza a transición ecolóxica, xusta e dixital, así como a loita contra o despoboamento.

Os proxectos de Galicia enmárcanse en catro grandes eixos de actuación que teñen como obxectivo:

  • a modernización do tecido produtivo,
  • a mobilidade sustentable e a transición ecolóxica,
  • a cohesión social e territorial
  • e unha administración dinámica e dixital.

Búscase transformar a economía mediante proxectos tractores que incorporen á pequena e mediana empresa e axuden a Galicia a loitar contra as consecuencias económicas derivadas da pandemia, consolidar un ecosistema empresarial competitivo e sustentable, incrementar o gasto en innovación, aumentar a potencia renovable, optimizar a industria forestal, crear postos de traballo de calidade ou repoboar zonas rurais ofrecendo oportunidades aos máis novos.

Unha muller xove mirando á cámara ou cara o futuro

A quen está dirixido?

As iniciativas Next Generation Galicia teñen posto o foco nas persoas: están pensadas para impulsar o tecido industrial e empresarial da Comunidade e para mellorar a calidade de vida e benestar de toda a cidadanía.

Trátase dunha candidatura que nace do consenso e da colaboración: está aberta a novas propostas para consolidar un programa integral que reforce o potencial económico galego e a creación de emprego.

Por este motivo, os axentes interesados en participar coas súas propostas teñen as portas abertas a través da Oficina Reactiva Galicia, a xanela única da Xunta para a atención do investidor. Autónomos, pemes, grandes empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento están convidados a compartir propostas que permitan construír a Galicia das vindeiras xeracións.